A asociación de veciñ@s O Lodeiro invita aos/as cidadáns/as,
que durante 4 anos asistiron ás concentracións que se realizaban na Praza de
Pastor Díaz de Viveiro todos os primeiros mércores de cada mes, a concentrarse
por última vez o 6 de febreiro ás 20 horas no mesmo lugar que pisaron as 48
veces precedentes, para celebrar o triunfo legal da inexecución de derriba que
pesaba sobre as nosas vivendas dende hai algo máis de 9 anos.
A todos/as aqueles/as que durante este tempo soportaron a
inxustiza, os intentos de manipulación, a indiferenza, a insolidariedade, a
mentira e a soidade, e se enfrontaron a ela coa perseveranza, a xustiza e a
razón de estar exercendo o dereito de visualizar mércores a mércores a súa
protesta, con choiva, con sol , con frío, con calor, para demandar unha
solución a un problema creado no oscurantismo e a irresponsabilidade , a todos
e todas, queremos dicirlles ese día:
Grazas polos vosos ollos, as vosas palabras, os vosos silencios enxordecedores,
grazas pola vosa dignidade, pola perseveranza, grazas por non mirar para outro
lado, por arrimar o ombreiro , por ensinarlles aos vosos fillos e fillas a ler
nas páxinas da memoria que cos vosos actos, désteslles o exemplo do cidadán da
pé para reivindicar o dereito da xustiza e a razón na rúa, onde todos podemos
ver a verdade de todos, e tamén, ensinásteslles que o dereito e a xustiza non
se regala, tense e exércese por riba dos que queren facerche ver o contrario
dende o poder e a manipulación. Non esquecerán o que non se ensina nas escolas
e sí na educación de quen quere para eles e elas un mundo mellor e máis xusto.
Por todo isto, este mércores 6 de febreiro ás 8 da tarde na
Praza Pastor Díaz de Viveiro brindaremos e oiremos o son do triunfo de cidadás
e cidadáns libres que exerceron o seu dereito pacífico a pedir que se fixese
xustiza
DÍA: MÉRCORES 6 DE FEBREIRO
LUGAR: PRAZA PASTOR DÍAZ
HORA: 20:00 HORAS
Nota: Se por motivos metereolóxicos non se puidese levar a
cabo na praza, trasladaríamos ó Salón Multiusos do Concello.
Fotografías: Pepa Losada e Xaime F. Ramallal
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.