Sr. …
Candidato á Alcaldía de Viveiro
Viveiro, maio de 2011.
Ante a proximidade das eleccións municipais, queremos facer chegar ós políticos que concorren nelas como candidatos á Alcaldía de Viveiro as nosas inquietudes e preocupacións.
Como xa é sabido, a Asociación de veciñ@s O Lodeiro agrupa a veciños e veciñas afectadas pola sentenza do TSXG de 2003, que ordena a demolición dos edificios situados nas rúas Lodeiro e Río dos Foles ós que lles foron anuladas as licencias de construcción pola dita sentenza.
Non imos entrar na polémica que suscita cuantificar o número de afectados, en primeiro lugar porque nesta Asociación estamos seguros de que, independentemente da consideración final do Tribunal (que é o que ten a última palabra), respecto do número de licenzas anuladas, os que alí vivimos coñecemos a estructura deste conxunto e sabemos mellor que ninguén que é un todo, con comunicacións e zonas comúns que fan del unha unidade. En segundo lugar, pensamos que non vale a pena entrar nesta consideración numérica porque na última instancia afectar afectaranos a todo veciño e veciña de Viveiro, tanto máis se a resolución final do TSXG chegara ser a execución da sentenza. Esperamos polo noso ben e o de todo Viveiro que non sexa así.
Como colectivo levamos máis de dous anos proclamando a nosa inocencia e protestando na rúa pola situación na que nos atopamos. Unha situación que ten a súa orixe nunha demanda do ano 99 que non se deu a coñecer no seu día, nin ós veciños e veciñas que xa tiñamos mercada a nosa vivenda naquel momento (e que eramos parte interesada ós efectos xudiciais), nin ó público en xeral, o que nos deixou totalmente indefensos ademais de permitir que se seguira construindo e vendendo pisos e, polo tanto, xerando máis vítimas, a pesar dos requerimentos ó Concello e á promotora. Porque o certo é que si se soubese daquela… habíalle costar caro á promotora vender os pisos e locais comerciais con semellante carga!!!
Hoxe aínda seguimos agardando pola resolución do Tribunal, pendentes de si os nosos fogares van ser ou non destruidos pola piqueta, co conseguinte deterioro do noso ánimo e a agunstia e o estrés que provocan a incerteza que levamos soportando durante case oito anos, dende a publicación da sentenza. Neste sentido o que menos nos interesa escoitar son aquelas afirmacións que pretendan confundir ós veciños afectados directamente e ós demais veciños de Viveiro insinuando que o destino das nosas vivendas depende dalgún xeito dos políticos.
Nos sabemos que a decisión está dende hai moito tempo nas mans dos tribunais e que, se ben as xestións administrativas que atá agora se fixeron cara á legalización dos edificios eran imprescindibles, non serán nada se ó final a resolución xudicial non fose a inexecución da setenza.
Cando un se enfronta a un problema desta magnitude, moitas e moi serias son as cuestións que se ten que plantexar. Por exemplo: poderíase ter evitado esta situación?; na cuestión das indemnizacións en caso demolición, cando, canto e de quen as recibiríamos? ; quen velaría polos nosos intereses cando na última instancia o Concello, que é o demandado xunto coa promotora, tivera que defenderse a si mesmo das nosas reclamacións? …un tema peliagudo coa situación pecuniaria actual do noso Concello e coa crise económica que estamos a vivir. Da medo pensalo.
Como vítimas que somos reclamamos en primeiro lugar un recoñecemento da situación de inxustiza dos afectados e afectadas. Nós mercamos as nosas vivendas respectando todos os requisitos legais, polo tanto é imprescindible a promoción de iniciativas dirixidas non só a restablecer a situación de dereito que tiñamos no momento da compra senón tamén a implantación de medidas dirixidas a impedir que situacións como a nósa volvan acontecer. E, neste punto, si que os políticos teñen un gran campo donde arar.
Os veciñ@s do Lodeiro pedimos vontade política para salvagardar os intereses dos veciños e veciñas de Viveiro e para que ninguén pase polas circunstancias que nós estamos padecendo.
Nos seguintes puntos concretamos algúns aspectos que agardamos lles sirvan como referencia das urxentes e necesarias reformas para impedir que máis vítimas inocentes sufran pola xestión inaxeitada das Administracións.
1- Que o concello, sexa do signo político que sexa, se comprometa nos casos de denuncia urbanística, a rexistrar as demandas que afecten ós veciños e veciñas como posibles compradores para que estes, antes de realizar calquera compra de propiedade, saiban en todo momento o que están mercando.
2- Do mesmo xeito , que se realicen as xestións pertinentes cas cúpulas dos seus partidos para que, dalgún xeito , os xulgados teñan o deber automático de rexistrar calquera demanda que afecta á propiedade no Rexistro, co fín de que todo o mundo coñeza a situación da mesma no momento de ser mercada.
3- Que se comprometan entre todos a velar polo desenvolvemento urbanístico dun xeito racional e sostible, para non sufrir os continuos sobresaltos de ilegalidades derivadas da falta dun plan urbanístico que manteña os principios de respecto ca vida dos cidadáns e os seus costumes, e velen por unha estética que faga do noso entorno, tanto interno como externo, un lugar agradable para vivir.
4- Que en caso de cometer algún delito de neglixencia destas características, quen o cometa, sexa político, técnico ou cidadán, sexa levado ante a xustiza ordinaria sen ningún tipo de amparo ou triquiñuela política. Que nos casos que quedan por resolver, promovan leis que axilicen as indemnizacións en caso de demolición, e que non se dilate no tempo ni queden en suspenso como sucede actualmente.
5- Do mesmo xeito, comprometerse a protexer ós/ás veciñas/os, que en caso de ser derribadas as súas vivendas por neglixencia política ou administrativa, amparen ós/ás mesmos/as, non só ofertando lugares temporais senon tamén protexendo os seus dereitos adquiridos legalmente por una compra absolutamente legal, tanto no que respecta adquirir una nova vivenda como ó pago da mesma.
6- Que promovan leis que axusten as hipotecas ás novas condicións do cidadán (derribo da súa vivenda), para non verse inmerso no pago dunha vivenda inexistente, como sucede na actualidade.
7- Que todas estas condicións rixan tanto para as vivendas unifamiliares como para as colectivas, para non deixar indefenso nin a un so cidadán máis.
Estas peticións farémolas públicas e velaremos todos os días para que quen se comprometa en periodo electoral, o cumpra no seu goberno.
A Xunta Directiva da Asociación de Veciños e Veciñas O Lodeiro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.