4 de junio de 2009

Poema

Habitando O Lodeiro

Maio ferido de morte.
Tirado no chan, Lodeiro
sangra sobre o campo verde.
Todo o mar está en silencio
como velando o tormento.
O flanco resplandecente dunha pala
elévase contra potente disco solar;
perversa e asasina, revólvese flotando
como unha xirándula de chispas.
Detrás e de lonxe,
onde se asenta a vila,
o frontón da praza móstrase ensombrecido,
esculpido en lamentos fosilizados
nun espiral de azares sen fortuna.
Un vento espido e rizado
transborda o gusto a mar ata a xeada dos balcóns,
encandecendo a mirada gris de xentes e lugares,
penados e outras sombras,
flores raras, cores derrubadas
dos edificios quedos sobre as pálpebras.
Rumor de ouro dunha mañá que se morre soa.

¡Espertade!
¿Estades aí?
Eu tamén soñei ca pólvora nas paredes,
pero tamén un chorro de esperanza
derrámase desde o soño,
é un capricho de fe para desandar o futuro
como un reintegro insólito sen sinais recoñecibles,
só oito edificios en exceso que se enredan no caos.

Fundar un precipicio de luz,
fiestras cegadoras, arquitecturas eternas,
harmónicas e vivas en ciclos e cores.
Fundar oito edificios destilando o espazo,
unha inserción violenta abrindo úlceras sen rastro.

Fogar, sagrado porque é lume,
esencia que funda a vida,
esa paixón da materia na clarividencia dos corpos.

Homes, mulleres, eixes posibles,
acorde espeso da esperanza,
harmonía sen fin da voz comunal
ánimo dos que nacen con promesa perpetua
da nai primeira e última:
o alento da miña casa.

Habitando o Lodeiro evoluciono e glorifico
porque en min,
a miña casa faise consciente e sabia.

¡Rápido, rápido! ¡Solución xa!
¿Que ocorre?
Aproxímase un cataclismo de costas atroces.
Os oito edificios son ardentes feridas no escuro.
Amásase o medo.
Témese ao medo en todo tacto.


José Juan Martínez Ferreiro

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Nota: solo los miembros de este blog pueden publicar comentarios.